É o momento de actuar

María Díaz

SOCIEDAD

Afalta de cinco anos para que expire o prazo dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, as perspectivas son pouco prometedoras no que aos de saúde global se refiren: moito queda por facer en desafíos como a mortalidade infantil, a saúde materna, a sida, a malaria, a tuberculose... emerxencias nas que os avances foron insuficientes.

Son crises nas que as solucións existentes non se están a aplicar. Os tratamentos que curan a desnutrición infantil apenas chegan aos que os necesitan. Tampouco os mellores fármacos contra a malaria. Preto de 10 millóns de persoas seguen necesitando tratamento urxente contra a sida e non o reciben. O sistema de vacinación contra o sarampelo no sur de África está a fallar. E a muller segue excluída da atención obstétrica de urxencias en moitos países.

De seguir por esta vía, os obxectivos relacionados coa saúde non se van cumprir. Os compromisos fraquean, empezando polos compromisos económicos. Os líderes reunidos en Nova York deben estudar novos mecanismos de financiamento para conseguir fondos sostibles a longo prazo, como por exemplo adoptar unha taxa sobre as transaccións financeiras internacionais, unha pequena cota a nivel mundial que permitiría un cambio radical. É o momento de actuar e cumprir as promesas realizadas hai unha década, ou perderemos unha nova oportunidade de frear as emerxencias que ameazan a saúde global.