Durante a súa última visita a Ferrol, mentres saía do hotel no que seu pai tivo unha tertulia, o fillo maior de Torrente Ballester, Gonzalo Torrente Malvido -escritor moi lido e moi vivido, que durante diversas etapas da súa xa longa existencia cultivou con empeño o que chamaremos os días (e as noites) de rosas e de viño, ademais de pasar algunha temporada, por conta do Estado, sen poder saír á rúa-, dicía que se o seu proxenitor, despois de morto, se encontrase con que existe a vida eterna, se poñería a escribir de novo, alá onde estivese. Quería subliñar con isto, o narrador Malvido, non tanto que a Torrente Ballester lle quedasen cousas por escribir, como que o autor de La saga/fuga de J.B. , home por certo moi interesado no que deu de si a teoloxía do século XX, acabou o seu tempo neste mundo convencido de que o máis alá non existe. E pode ser, claro, que don Gonzalo pensase iso. Todo é posible. Aínda que tamén é certo que tal afirmación se contradí por completo co que sosteñen moitos dos que o trataron ata a fin da súa vida. Circunstancia que nos podería levar a preguntarnos ata qué punto a cercanía permite coñecer a quen fala non para os seus contemporáneos, senón para a eternidade á que todo gran creador aspira... aínda que non o diga. Que esa é outra: os soños, por moito que teñan que ser tan grandes como Faulkner quería, para así non perdelos de vista, están feitos a miúdo de secretos. A ver, ¿quen non querería ter un Turner na súa parede? Ou gañar o Tour de Francia. Pero diso, se Deus quere, habemos falar outro día.