Permítanme, porque a súa opinión me interesa moi especialmente, que me atreva a pedirlles que, máis alá das súas propias crenzas, dediquen un par de minutos a reflexionar sobre o que o Papa dixo o mércores, durante a audiencia xeral que tivo por escenario a Aula Paulo VI, na Cidade do Vaticano. Diante da multitude que acudiu a escoitalo, Ratzinger, reivindicando o pensamento de Tomás de Aquino, subliñou a necesidade de confiar na experiencia allea como un camiño imprescindible para poder avanzar na busca da verdade alí onde «o coñecemento persoal non chega». O Pontífice falou, entre outras cousas, do «valor da fe»; dunha fe na que «a alma se une a Deus». Pero non era a isto último, que só se pode iluminar coa luz do corazón, ao que eu pretendía referirme neste instante, senón a unha parte do seu discurso que talvez acabará tendo unha especial transcendencia non só entre os crentes, senón tamén entre os agnósticos. En concreto, á afirmación de que como «a intelixencia humana é limitada», non pode «coñecelo todo». Un argumento que, á súa vez, serve de apoio á afirmación de que a existencia de Deus entra de cheo no «razoable». A dúbida, e xa me dirán que pensan, forma parte da natureza humana. Cousa sobre a que ten meditado moito o maior experto na Biblia, o cardeal Martini. Quizais conveña aceptar que posto que só vemos sombras, como xa os gregos nos ensinaron, o que nos parece realidade pode non selo tanto; e non esquecer que, coma o Papa, ata no medio da tormenta hai que manter a calma.