Un barco de pan

SOCIEDAD

Xa o dixo Luis Aragonés, con esa autoridade que emana dos verdadeiros clásicos: a sorte hai que buscala. Pero ás veces é a mesma sorte quen, xenerosamente, o encontra a un, transitando os camiños máis insospeitados. Imos imaxinar que vas, un día calquera, ver unha pedra de armas da que che falaron e que, se aínda non a levou algún cafre, estará envolta nas silvas dunha casa que antano estivo chea de vida, pero que agora vai caendo sen que a ninguén pareza importarlle. Naturalmente, chegar ata ela levarache media tarde, a forza de dar voltas e máis voltas por camiños que envolven as leiras e os herbais en asfalto. «¿Un escudo aquí...? Nunca tal cousa che oín», diranche outra vez cando, sen sabelo, xa estás chegando. Despois, unha vez localizado por fin o lugar e rematada a visita, vén o retorno. E aí empeza de novo a aventura. Se tes a imprudencia de preguntar por onde podes volver á autovía sen dar moita volta, dinche que «non tes perda ningunha», sinalan co dedo á nada, e xa podes acabar en calquera lado. Definitivamente extraviado, vas atopando algún tractor solitario mentres atravesas aldeas das que, por desgraza, xa marcharon (por este mundo ou cara ao que ignoramos) case todos os seus habitantes. Cando menos o esperas, aparece un estraño camiñante, tal vez saído do Trasmundo. Paras a falar con el un instante, e dáche un regalo: un barquiño feito con masa de pan pintada. «Este é dos que van á Terra dos Mortos», diche. E daquela, se queres facer un libro novo, sabes que xa podes empezalo.