18 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Chámase lomanismo, e está facendo furor, polo visto, entre o público máis fiel dos denominados programas do corazón, xénero televisivo no que o bo gusto non gaña demasiado terreo dun tempo a esta parte. Os lomanistas, naturalmente, son os seguidores incondicionais de Carmen Lomana, unha señora moi guapa e moi rica, ademais de moi elegante, que está a romper todos os esquemas do universo da crónica rosa. Se lles digo que esa señora é convidada habitual das festas máis exclusivas do mundo, que dedica a administrar o seu patrimonio as horas nas que non anda de parranda, que é clienta de todos os grandes modistos europeos e que entre as súas maiores afeccións está ler a prensa na cama (inciso inevitable: un día púxose a falar de literatura e a maioría dos que a interrogaban a berros e en pelotón, ao sentila citar autores, non parecía saber nin de quen falaba), non estarei, a bo seguro, contando nada que vostedes ignoren.

Pero permítanme que llelo faga constar, como prólogo a unha observación: no áspero reino de Belén Esteban, onde xa se move con evidentes dificultades ata un clásico do cuore como Jaime Peñafiel (xornalista que hai anos, ao entrevistalo, me contou un drama persoal terrible con enteireza impresionante, desculpen que se me acorde iso sen vir ao caso), mademoiselle Lomana triunfa deixando fóra de xogo aos que a atacan sen pausa. «¡Ah, no, no...! -dicía hai uns días- Yo jamás hablaré mal de nadie».

Admirable decisión, fronte ás víboras que intentan trabarlle, desesperadas. Seguro que con iso elas non contaban.