A anécdota, falando de vellas glorias, volveu saír á luz o xoves en Ortigueira, na tertulia de terraza que seguiu, fronte ao mar, á presentación do último libro de Ramón Sainero, no que o celtista fala das relacións entre Irlanda e Galicia presentes no Leabhar Gabala, un dos grandes libros da lingua gaélica. Resulta que hai uns anos, cando no atletismo brillaban corredores europeos como Carlos Lopes ou Fernando Mamede, discípulos ambos de Moniz Pereira, unha lenda vivente da era heroica das probas de longo alento anunciou, poñendo cara de profeta, ante un auditorio repleto de ollos coma pratos e de bocas abertas: «Un día o home correrá os dez quilómetros en menos de 27 minutos, pero nós xa non o veremos». Está claro que a bola de cristal non lle funcionaba, naquel momento; que adiviñar o porvir non é doado, cando se trata de poñerlles coto aos logros alleos. Desde aquela, esa barreira máxica superouse máis de medio cento de veces, e tal como evolucionan as marcas, quizais non pase moito tempo antes de que alguén, talvez Bekele, que aínda parece estar lonxe dos seus límites, deteña o cronómetro nun minuto menos. Outro tanto podería dicirse das probas de velocidade: os rexistros de Usain Bolt nos 100 e nos 200 metros parecen insuperables, pero nalgún lugar do mundo a estas horas apura as vacacións, antes de volver ao colexio, o pequeno que no futuro fará que os rexistros do rapidísimo devorador de nuggets sexan case anécdotas. Iso é, por sorte, o natural: todo futuro é dos nenos. Perténcelles. Ese é o destino. Coma sempre.