26 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

ALGUÉN debe de estar moi enfadado alá no alto, detrás das nubes, cando o mesmo sol que engana ás árbores para que soñen cun verán anticipado se esconde despois, asustado, ante a furia dos tronos que sacoden a ceo e a ira das tormentas que destrozan os campos. Quizais sería conveniente empezar a pensar que ese cambio climático do que non só fala Al Gore está aí, ante os ollos que nos empeñamos en seguir pechando. E que aceptemos que o noso planeta, como todo milagre da vida, é fráxil. Xapón, a través do seu primeiro ministro, Shinzo Abe, fala agora da necesidade de reducir á metade as emisións a atmosfera dos gases causantes do efecto invernadoiro, mentres parece que Europa tamén se dispón a buscar por fin un camiño que permita limitar de maneira decidida, máis alá dos xestos baleiros, os niveis de dióxido de carbono do aire que respiramos. Veremos qué pasa, porque hai un problema ante o que ninguén pode permanecer impasible. Mal negocio será escudarse na crenza de que non todas as rexións do planeta se van ver afectadas coa mesma intensidade polo que se nos está vindo encima. Ben mellor sería tomar medidas, e conciencia, canto antes. E lembrar que aos máis pobres entre os pobres -¿cantos millóns de nenos sofren neste mesmo momento as consecuencias da fame provocada pola desertización...?- non podemos seguir despoxándoos de todo. Fundamentalmente, porque xa non lles queda nada.