CATEDRÁTICA das universidades de Londres e Amsterdam e unha das máis influentes figuras da filosofía e a metodoloxía da ciencia, Mary Morgan, a profesora que esta semana pasou por Galicia para falar dos novos camiños do coñecemento, di que aínda que a simulación por ordenador sexa tan útil para predicir as tendencias de consumo e incluso a evolución das epidemias, existen aspectos da realidade nos que as teorías non poden levar a esquecer a importancia da experimentación directa da vida, do que nace de observar a existencia. E non só afirma iso, senón que incluso reclama, de cara ao debate científico, unha presenza maior dese tipo de información; do día a día dos cidadáns, por dicilo doutra maneira. Insiste en que para chegar a comprender a realidade, sobre todo cando se trata das chamadas ciencias sociais, é importante manter os ollos ben abertos e o oído atento ás cousas que percibe a xente. Porque hai matices que dificilmente poderían ter un reflexo fiel nas frías entrañas dos ordenadores, xa que a humanidade é imprevisible e a esencia da vida xamais poderá ser simulada virtualmente. Ademais ?podería engadir un? quizais as máquinas cheguen a adiviñar no futuro de qué maneira evolucionarán as enfermidades que destrúen pobos enteiros ou en qué lugares do mundo se acabará antes a auga que malgastamos irresponsablemente. Pero nunca poderán entender o que sente un enfermo, nin a terrible desesperación da sede. Porque só o ser humano ten alma; por algunha razón, unicamente el é capaz de conmoverse. E esa incógnita sempre será difícil de resolver, ¿non cren?