PODE PARECER raro, pero non o é tanto se un se detén a consideralo un instante: hai persoas, en efecto, coas que só nos atopamos ao pé das escaleiras. Agora mesmo, teño eu dúas no pensamento: unha señora á que cada mañá encontro sentada no mesmo portal, almorzando cun canciño á súa beira, e outra señora máis que vexo case sempre polas noites, cando vou coller o coche para regresar á casa, e que se refuxia alí buscando abrigo contra a intemperie. As dúas son persoas moi educadas, sempre amables, que todo o tempo parecen desculparse por levaren consigo esas bolsas de plástico que é fácil imaxinar cheas de roupa vella. Señoras que dan as grazas mil veces cando alguén lles pon na man ?que eu saiba, elas non piden esmola? unha triste moeda. As dúas deberon coñecer ben mellores tempos, pero a mala sorte non conseguiu arrincarlles a vontade de plantarlle cara á vida, nin por suposto toda a súa dignidade de mulleres valentes. A que vexo pola mañá díxome unha vez ?e sen o menor xesto de resentimento, por certo: como se falase dunha curiosidade calquera? que a veces pasaba ao seu lado unha ducia de persoas sen que delas, aos seus saúdos de bos días, lle contestase nin a primeira. «Igual é por culpa do can», dicía. Non souben qué responderlle. A outra, a que vexo pola noite, a que chora ensinando as fotos duns rapaces, sempre pregunta se che sobra algún libro vello. Gústanlle as historias nas que sae Inglaterra. Esta semana debeu de estar uns días fóra. E tróuxome un regalo: unha postal da montaña de Cáceres; é o retrato dunha santiña que leva no colo un neno.