TAMPOUCO é segredo ningún que entre os integrantes do clube dos que cada noite, xustamente antes de que os pequenos durman, lemos un conto en voz alta, somos maioría os que estamos en débeda con Beatrix Potter, a narradora e pintora británica que a comezos do pasado século escribiu e ilustrou algúns dos máis fermosos relatos para nenos -e non só para nenos- da historia das letras. Ninguén ignora que lerlle a un fillo algún dos contos protagonizados por eses animaliños de Miss Potter, vestidos con descoidada elegancia e de corazón invariablemente grande -por eses seres de colores que son un espello de preocupacións eternas, como o medo á indefensión e ao inesperado-, é unha experiencia digna de ser recordada. Non se sabe tanto, en cambio, que a creadora desas ocas sempre proclives a deixarse enganar polos raposos, deses coelliños aos que tanto lles custaba fuxir dos seus perseguidores e desas rás eternamente pendentes de que un lucio non as merendase, non só foi unha extraordinaria artista, senón tamén unha persoa firmemente comprometida coa preservación das paisaxes nas que naceron os seus relatos. Unha muller xenerosa en extremo, que empregou boa parte da súa fortuna en evitar a destrución dos lugares que máis amaba. Agora chega aos cines a película de Chris Noonan, protagonizada por Renée Zellwegen, inspirada na súa vida. É unha homenaxe a unha creadora convencida de que nada hai máis importante que os nenos, e de que destruír o mundo que eles terían dereito a herdar é un grave crime contra o futuro, ademais dun auténtico insulto a toda a humanidade.