Único destino

SOCIEDAD

27 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

SUCEDE ao chegar esa difícil hora na que quen che deu a vida empeza a abandonar na néboa o tempo máis recente para retornar a un mundo distinto, aos días que pasaron. Nese momento no que tamén a ti comeza a confundirte con outros que ás veces tiñan o teu mesmo nome, e desde logo sempre o teu mesmo sangue, pero que viviron e morreron antes, e que definitivamente xa marcharon. Daquela é cando, baixo a mirada apagada de quen en ti ve incluso aos que nin sequera coñeciches ?diante dos ollos cansos que miran de novo aos que partiron antes de que naceses; ante eses mesmos ollos que agora contemplan as sombras de antano?, intúes que quizais os calendarios se equivocan máis do que aceptamos, e que se cadra o pasado non existe, porque o presente é, en efecto, outra forma de eternidade. Así que empezas a viaxar tamén coa súa memoria, a camiñar polos recordos que aínda garda e ?salvado o primeiro desasosego? a acompañala no seu regreso a aqueles anos nos que ti eras un neno e ela, fronte a todas as desventuras, unha muller de mirada luminosa e corazón infatigable. Entón volves ter diante, grazas ás súas palabras, tanto o que perderas coma o que xamais viras, e por suposto o que xa nin recordabas. E así comprendes que a memoria do visto e do soñado non está dentro de ti, senón ti no interior dela; que dalgunha maneira lle pertences a aquel reino no que a auga dos ríos tiña voz e os mortos mandaban recados. (Entendes por fin que vives nos que te precederon).