Todo tan raro

SOCIEDAD

02 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO a Axencia Espacial Europea vén de lanzar desde Kazajistán o satélite que se encargará de buscar máis alá do Sistema Solar, cos seus ollos mecánicos, planetas semellantes á Terra, a un parécelle estar escoitando de novo ao astronauta Pedro Duque dicir, durante unha visita á Universidade Galega, que malo será que non haxa vida nalgún lugar dos que aínda descoñecemos. E oxalá o Corot, esa nave sen tripulantes que tamén leva entre as súas misións a de buscar segredos no corazón das estrelas, logre o éxito que se espera. Porque quizais sexa certo que no espazo exterior está a resposta a moitas das preguntas que nos facemos hoxe, mentres o noso maltratado mundo cambia cunha rapidez en aparencia inesperada, ou se cadra non tanto. Nestas circunstancias nas que a calquera cousa, por chamarlle algo, se lle chama progreso. Aínda así, e xa á marxe de galaxias, estaba pensando que, para xeral satisfacción de soñadores, todo fai crer que aquí abaixo, pegados ao chan, sen voar sequera, ao longo deste novo ano que temos por diante seguirá habendo misterios. Talvez continuemos ignorando quén trazou as quilométricas liñas de Nazca, quén debuxou as caras de Bélmez, qué miran os xigantes da Illa de Pascua cos seus ollos permanentemente abertos e quén lle dixo a Cristóbal Colón, tan amigo do ouro, que detrás do Atlántico estaba América. E seguro que continuaremos tendo que escoitar falar de atraer «turismo de calidade» aos que están a converter a nosa paisaxe nun desastre, destrozándoa para sempre. (Este xa é un século xeneroso en fenómenos inexplicables, certamente.)