Autoridade

SOCIEDAD

| O |

01 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NA ESCOLA do célebre poema de Antonio Machado un cartaz representaba a Caín e Abel, «junto a una mancha carmín». Polas últimas novas chegadas das nosas aulas, a violencia está a ser algo máis que un debuxo bíblico: aí están a perna rota dunha nena en Ponferrada, nunha liorta con tres compañeiras, e a malleira a un mestre de Alacante por un ex alumno, que ademais foi gravada no móbil. Noticias moi graves polos feitos en si e pola súa condición sintomática do que está a acontecer no ensino. Estes actos deterioran tanto a educación como o traballo dos docentes, que observan con preocupación a súa perda de autoridade nos centros e, peor aínda, na percepción social do seu propósito. Todos gardamos lembranzas de mestres que sabían que esa autoridade manaba do coñecemento, do esforzo e, por que non, da bondade e da xenerosidade. Tampouco esquecemos a aqueles que non hai moito preferían o autoritarismo a ese concepto de autoridade e aplicaban, con flagrante inxustiza, a mesma violencia que agora ameaza con volverse contra os que agora desempeñan o seu posto. Como nos demostraron aqueles mestres, a educación non se limita á transmisión duns saberes, senón que os alumnos aprenden moito das actitudes dos adultos, nos colexios e nos fogares. Non debería resultarnos sorprendente que os escolares de Alacante tentasen vender o vídeo coas patadas ao profesor. ¿Non se alimenta boa parte dos contidos televisivos de trapicheos semellantes? Din que desta volta chega de verdade o outono, pero o colexio está lonxe da monotonía da chuvia nos vidros.