DENDE ESCANDOI | O |

28 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

SOBRE este mármore gastado que vostedes non ven, pero do que, se me permiten, amigos, xa eu lles mando de novo recado -sobre esta mesma mesa de café que viviu tempos mellores e que para sempre conserva sobre si as cicatrices das fichas de dominó que correron por riba dela durante case cen anos-, teño agora, á beira do papel de trapo no que lles escribo, un caderno reencontrado. Un caderno no que anotei, por exemplo, aínda que non sabería dicirlles cando -ábroo un instante-, que en Mindoro, alá polas Filipinas, a un home que saíra a cazar morcegos, o atoparon, dúas semanas despois de que faltase da casa, no ventre dunha pitón. A súa muller contou, daquela, que ela o sentira berrar ao lonxe. E dixo que ata que apareceu o seu corpo dentro da serpe non volvera saber máis nada. Pero ademais do caderno de notas tanto tempo extraviado, cheo de apuntes que falan de antigos libros de bruxería encadernados en pel de home e de milagrosos lentes con montura de ouro e cristais tallados que permiten contemplar os misterios a través da escuridade, teño un regalo que me acaba de facer unha señora moi simpática: unha castaña. Acábana de sacar do cartucho de follas de revista no que a meteron despois de asala nun forno con forma de tren que hai na rúa, aquí cerca. Aínda queima. Míroa, á vez que escribo, e paréceme que, dalgunha maneira que non sabería explicarlles, nela queda algo dun tempo que quizais só soñamos. E que, coma toda semente, tamén mira ao futuro. Quen sabe. (Pero eu vouna comer, mentres tanto. É que así, asada, non podo gardala.)