HUMOR PROPIO | O |
19 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O ASUNTO vai resultar máis fácil que poñer un recurso no Constitucional. Co ben que funciona a trampa dos puntos para organizar o respecto as normas de tráfico e con ese carácter nostálxico que nos devolve ao tempo nos que os exames se puntuaban con números non deberiamos fallar. Temos un Código de Circulación e temos unha Lei de Normalización Lingüística. É obvio que, pese a que a segunda ten maior rango que o primeiro, en Galicia temos tendencia a ser máis respectuosos cos semáforos que co idioma. Polo tanto quizais deberíamos introducir o carné de falante galego por puntos. Un carné que acredite as boas prácticas e que sancione as malas. Como os galegos estamos obrigados a ser xenerosos polo himno, comezaremos por regalar vintecatro puntos. Logo faremos unha campaña de concienciación advertindo do perigo de perder puntos por deixadez ou descoido. En busca das mil primaveras faremos un baremo variable que castigue máis a quen máis fala en público. Se alguén utiliza tempos compostos en actos públicos, seis puntos menos. Se un conselleiro é renuente outros seis. Haberá que pensar que facemos cos locutores da tele que en canto a cámara apaga o seu piloto deciden expresarse como se traballaran en Tele Madrid. Os profesores que non cumpran coa lei corren un serio risco de non poder conducir. Pero se alguén resulta sorprendido nun bar de copas cambiando os pronomes de lugar darémoslle unha medalla Castelao porque, aínda que mal, é o único que fai campaña de normalización lingüística.