COAS plumas manchadas de sangue seco, morta polo bárbaro disparo dunha escopeta de aire comprimido ou quen sabe se pola pedrada, desgraciadamente certeira, de calquera vándalo, a rula de pescozo azul que cada mañá se achegaba a que lle botasen faragullas de pan nos bancos do parque, está agora aí, diante de ti, derrubada nas lousas do chan, cos ollos apagados, ela para sempre sen vida e definitivamente calado o seu canto. Pensas entón, durante un instante, que quizais sexa un presaxio, ou alomenos o recordatorio sen letras de que case todo o que é fermoso, por algunha estraña lei, tende a ser ao mesmo tempo fráxil, e conseguintemente vulnerable. E intentas, para afastar eses pensamentos tristes, lembrar que o que de verdade paga a pena ?o que non é servo dos días porque habita máis alá do propio tempo; falo das crenzas e dos principios e do amor verdadeiro, por poñer algún exemplo?, nunca pode ser destruído, posto que dalgún xeito forma parte da eternidade. Mais aínda así, a rula morta, a que xamais poderá volver ao parque onde hoxe a esperarán inutilmente, cun pedaciño de pan nas súas mans gastadas, os que a coidaban, ségueche recordando, co seu silencio inmóbil, o correosa e fría que é tantas veces iso que chaman a realidade. Pero soa o teléfono: «¡Dottore...!», di unha voz moi querida. É Antonio, o teu amigo Tabucchi, que está en Portugal coa súa neta. Ela, que se chama Beatriz e ten tres anos, invéntalle historias de cegoñas que lle vai contando. El cántalle, baixo a luz de Lisboa, cancións da Toscana. E entón ti sabes, a pesar da melancolía, que aínda existe a felicidade.