20 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ALÉN das polémicas anatómicas, Cibeles devólvenos a acostumada eséxese de pasarela co seu habitual léxico, que abrangue dende as interpretacións máis superficiais ata revelacións de alta transcendencia. Podería pensarse que a moda, algo que basicamente entra polos ollos, non precisa máis comentarios, pero estes días atopamos palabras como «cohesión», «binomio» ou «etéreo», ademais de expresións que, de tanto oílas, acaban por cansar. Unha vez máis, aí están os «novos burgueses», as mulleres «moi femininas» e a «inspiración urbana». Polo visto, conseguen manterse en alza ano tras ano. Por contraposición, no outro eido, o rural, tamén hai constancia de tendencias, só que a muda da moda vai tan a modo que ás veces é imperceptible. Ao observador atento de seguro que non se lle escapou a preocupante desaparición do toucado masculino por excelencia, a boina. Entre os provedores que pechan, a diminución de clientes potenciais e os que agardamos a ter unha idade respectable para lucila, parece ter a batalla perdida. Pero non contra o birrete, que pensarán algúns. Ca. A verdadeira triunfadora desta loita non é outra que a viseira. Asistimos á dominación desta prenda que reúne numerosas virtudes: barata -que sexa agasallo publicitario é requisito imprescindible- e sen sofisticación -soporta todo tipo de sucidade-, protexe ademais os ollos das maldades solares; cousas do quecemento global. Non resultará nada etérea, pero vaia se cohesiona. E ata conta coa súa versión burguesa e urbana, esas gorras de importación norteamericana. Pero nada como a viseira autóctona.