Os Relatos de Verán premiarán esta edición cun MP3 ao mellor traballo dos menores de 15 anos

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

SOCIEDAD

Abertos desde a súa primeira edición aos lectores de calquera idade e mesmo de calquera nivel cultural, os Relatos de Verán ofrecen este ano un apartado especial para os mozos e mozas de menos de 15 anos, cuns premios moi especiais: un PC e un reprodutor de MP3. Cando está xa en marcha a sétima edición desta experiencia, que cada mes de agosto concita o interese de varios centos de escritores afeccionados de dentro e de fóra de Galicia, La Voz quere potenciar a participación dos máis novos concedéndolles, ademais da oportunidade de manifestar a súa creatividade, a ocasión de facerse cun importante premio. Ao longo destes anos, se tivo en conta non só a calidade dos traballos, senón ademais a súa creatividade en relación coa idade, o nivel cultural e as profesións dos participantes. Non se trata dun concurso de relatos para grandes creadores (aínda que tamén), senón que procura deixar un lugar para os nenos, as persoas moi maiores, os profesores, os profesionais alleos ao mundo das letras, os labregos ou os mariñeiros. Agora preténdense incentivar as achegas dos máis novos e contribuír a interesalos polo mundo da lectura e da creación literaria. A dimensión dos textos non poderá exceder de 25 liñas mecanografadas de corpo 11 (uns 2.100 caracteres con espazos incluídos), e os orixinais deberán enviarse en soporte informático acompañados dos datos do autor (idade, nome, dirección, teléfono, profesión e, a ser posible, unha breve indicación biográfica e fotografía tamaño carné) á dirección de correo: 7.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón (15142) Arteixo (A Coruña)», ou ben por correo electrónico a redac@lavoz.es. Entre os relatos que se reciban ata o 15 de xullo, serán seleccionados os mellores para a súa publicación durante todo o mes de agosto.