DENDE ESCANDOI | O |
14 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.POIS miren: si. Efectivamente. En contra do que puidese parecer, tamén lle interesa o deporte a ese tipo de rostro cansado. Ao que está sentado á última mesa do café que vostedes saben, en compañía dese caderno de papel crema, forrado con cartón de augas, no que William Faulkner, dentro dunha foto vella e non moi clara, bastante mal copiada, posa con bigote de coronel sudista e aire benetiano, cunha fusta na man e calzando botas altas. (Don Faulkner en branco e negro suxeitando as rendas dun cabalo sen dúbida de moi puro sangue que quizais foi o mesmo animal que o levou á morte ao derrubalo e causarlle unhas feridas das que o escritor xamais chegou a recuperarse.) Ao home do café e do caderno interésanlle as carreiras a pé, concretamente. Ás que, por certo, e xa nos volven saír ramas, o novelista de Oxford-Mississippi tamén era moi afeccionado, alomenos como espectador -existe outra foto do autor de Absalón, Absalón cronometrando unha competición universitaria-; e alégrase de que Justin Gatlin acabe de rebaixar nunha centésima de segundo a plumarca mundial dos cen metros. Pero o seu idilio co pedestrismo é de natureza menos épica, máis inmediata. Xa que non sabe nadar, mandáronlle ir correr de vez en cando, e non a maior gloria do olimpismo, senón para coller aire. E el, estar, está niso. O que pasa é que empezar a correr precisamente un domingo... (O deporte, como a vida, di, hai que tomalo con calma. E sorrindo algo.)