DENDE ESCANDOI | O |
22 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.POIS non pode deixar un de estar algo decepcionado, miren. Qué queren que lles diga, despois de saber que Marte é un mal sitio para vivir, polo menos desde hai 3.500 millóns de anos. Aínda que, para ser sinceros, un tampouco estivo nunca moi convencido de que fose de alí de onde viñan voando os que debuxan figuras xeométricas nos campos de millo -que xa me dirán vostedes qué graza lles debe de facer a broma aos que o sementaron-, nin tampouco os que antes, por poñer outro exemplo distinto, trazaron as famosas e xigantescas liñas da chaira peruana de Nazca. Pero algún bo amigo si que hai por aí moi afeccionado aos misterios da ufoloxía. E a estas horas, qué dúbida cabe, ten que estar bastante desgustado. O que pasa é que tamén é certo que ese amigo, e cantos comparten os seus entusiasmos, por fin teñen agora unha ocasión magnífica para empezar a crer nas viaxes dos astronautas á lúa, xesta que eles consideraban froito dun fraude. Ou, se así o prefiren, para replicar que nada importa que Marte non pareza o mellor sitio para facer unha casa. Sobre todo, sabendo que o infinito está cheo de galaxias. Por fortuna, soñar segue saíndo barato. E falta fai que así sexa, porque é moi certo iso de que cando os días veñen tristes, haise que abrigar na imaxinación, posto que a realidade, a miúdo, tamén é fría e árida. (Exactamente igual que eses planetas, que son máis fermosos brillando no alto do ceo que cando un se acerca a eles para entregarlles as súas esperanzas.)