DENDE ESCANDOI | O |
15 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.VAILLES parecer unha tontería, pero hai un instante, cando un futbolista de estresante vida nocturna contaba na televisión, resignado, que a este mundo só se vén para pasar traballos, e mentres as rulas lle cantaban ao sol no tellado, estábaseme acordando Marbodo de Rennes, poeta en lingua latina e bispo na Bretaña hai case mil anos, por aqueles versos nos que dicía («Vite presentis si comparo gaudia ventis...») que as alegrías da vida non duran máis que os entusiasmos do aire. E preguntábame eu se naquel tempo de Marbodo, século tan dado a lanzas, dragóns e escuridades, tería o bretón noticia dos milagres que antes deixara feitos, nunha fisterra semellante á súa, no Poñente da Cristiandade, outro bispo menos lírico pero santo, o San Rosende de Dumio e de Mondoñedo, do que agora se vai celebrar o XI Centenario; un prelado galego que, como vostedes non ignoran, recibiu a ordenación episcopal aos 18 anos, pero que nada quería saber de honores, e que na vellez marchou a esperar a morte, coma un frade máis, ao mosteiro que el mesmo fundara en Celanova. Ordoño o Monxe, que deu testemuño da vida do santo, conta que Rosende dedicou toda a súa riqueza a socorrer a cantos pobres atopou no camiño, tanto aos que habitaron as mesmas terras ca el como aos que viñan refuxiarse... En fin: que se me acordaron o prelado galego e o da Bretaña, polo certo que é, en efecto, que para poder agardar a inmortalidade hai que dalo todo. Pero sempre. Non de vez en cando.