DENDE ESCANDOI | O |
01 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.PODERÍA parecer un tanto estraño. Pero non, en absoluto. Se vostede forma parte do cada vez máis reducido sector da poboación que ten serios problemas para sacar todo o rendemento posible das últimas novidades da electrónica de consumo, e se iso se suma a que no seu teléfono vive unha cámara fotográfica, quizais se encontre con máis dunha sorpresa. Sobre todo, se o mecanismo que fai os retratos se acende cando lle dá a gana. Porque, de darse esa circunstancia, e aínda que as imaxes que se irán escondendo no seu móbil serán, con maior frecuencia, ademais de recadros negros -auténticas metáforas da nada-, desenfocados fragmentos de mans, paredes, pés no chan e pequenas árbores, talvez se encontre con algún ser inquedante no cuarzo da pantalla. Por exemplo, aquí, á miña beira, dentro do teléfono, está, fotografada, unha señora de saia colorada que salta entre dous tellados. Eu diría, incluso, que está levitando. A xente de pouca fe di que pode ser un anaco dalgún cartel pegado nun muro, ou o fundido de dúas imaxes. E ante iso, desde logo, pouca réplica cabe; xa se sabe que nunca faltou quen tratase de explicar os misterios con hipóteses que só xogan co probable... Pero gustaríame que me dixesen, daquela, quén é ese outro ser, de orellas de pico e pel pálida, que me mira, furioso, desde outra das fotos almacenadas. Non me debe de querer nada bo. (De todas formas, vaille ser igual: onte á noite xa aprendín a qué tecla lle hai que dar para borralo.)