Almas en pena

SOCIEDAD

DENDE ESCANDOI

11 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

SE FINALMENTE chega ese día no que a un, acabado o seu tempo neste mundo, non lle queda outro remedio que botarse aos camiños convertido nunha desas almas en pena que percorren a terra, en transparente figura, redimíndose de obrigas en peregrinacións, romarías e festas diversas, estaría ben poder elixir algún dos lugares polos que camiñar. E, postos a escoller, tamén con quén andar por eles. A min -e a algún bo amigo creo que igual- gustaríame moito, por exemplo, andar daquela, de cando en vez, polas ribeiras do Eume, nas que voa o rei dos mouchos e é tan fermoso o florecer das cerdeiras; e así cruzar, en forma de vento, polas fragas do río, camiño de Caaveiro, onde pode que a sombra de San Rosende aínda mande que as campás do mosteiro, malia que agora xa non están na súa torre, toquen en memoria da parroquia dos defuntos; maiormente, polo descanso daqueles Señores de Andrade que tan amigos eran, á súa vez, da caza, dos bos cabalos e das damas todas, xa fosen elas afeccionadas ou non aos versos. Quén sabe se en Caaveiro mesmo, á porta da colexiata dos coengos, non atoparíamos, acariciando un falcón, ao conde Fernando, grande heroe das campañas de Italia. O que deixou disposto, no seu testamento, que non se obrigase a servo ningún a ir ao seu enterro, e que aos que acudisen se lles dese de comer. Ese mesmo Andrade, si, que dicía que diante da morte non precisaba outra luz que a de Deus, e que por iso non quería velas ardendo ante do seu cadaleito.