De luz e de aire

SOCIEDAD

DENDE ESCANDOI

11 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ERA A ÚLTIMA hora da tarde. Empezaba a marchar a luz, seguindo o seu costume, camiño do Atlántico. E en Vecchiano, por onde o sol xa pasara despois de xogar un día máis aos reloxos debuxando sombras na torre de Pisa, Antonio Tabucchi estaba tan contento que a súa voz, a través do teléfono, fervía de felicidade. Alguén podería pensar que toda aquela alegría viña dada porque se fale tanto del como firme candidato europeo ao Nobel de Literatura. Pero non, non... A razón non era esa; el di que escribir é demasiado fermoso como para pensar noutra cousa que non sexan as emocións e as palabras. A alegría de Tabucchi, nese crepúsculo italiano, nacía dos ollos dunha nena. Porque tiña consigo a súa neta, que xa empeza a falar moi ben e vive a maior parte do ano no Portugal onde os reis soñaban poemas e barcos: unha princesiña preciosa nacida á beira do Maior dos Mares. Antonio, aquela tarde, líalle un conto á pequena, e faláballe doutras terras máis: das do país dos mil ríos, onde as estrelas debuxan camiños no ceo e os prodixios de pedra surcan as augas. Entón lembrouse, conmovido, de Cunqueiro; de que vai facer xa vinte e cinco anos que marchou a onde cabalgan no vento as almas dos que sempre serán recordados. E a través do mesmo teléfono, coa súa neta ao lado, mandou unhas palabras para levar, cunha flor, a onde descansa don Álvaro: «Cunqueiro -dicía Tabucchi- sentiu a dor do mundo...». E naquela hora, todo resplandecía, claro.