Fenómeno ovni

SOCIEDAD

DENDE ESCANDOI

04 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

TEÑO un amigo, persoa por certo de profesión moi solemne, que anda aos ovnis. Non quero dicir que trate de capturalos, nin moito menos, nada máis lonxe da súa intención que facerlles dano. Pero a súa maior ilusión é fotografalos, facer estatísticas sobre os lugares e as horas nas que se aparecen, intercambiar novidades sobre os extraterrestres con outros afeccionados e tratar de gañar algún adepto máis para a sufrida causa da ufoloxía, cousa que non debe de ser nada doada. O caso é que este amigo acaba de mandarme, desde onde el vive, a foto dunha nave espacial que fixo esta semana. Pero eu, tampouco agora vexo nave ningunha. Só unha especie de río de luces no chan que debe de ser unha vía do tren ou unha estrada. Por riba diso, no ceo daquela noite suíza, nada de nada: unha negrura como a das almas sen corazón; só escuridade. A el, de todas maneiras, case non llo vou dicir. Para qué sacarlle a ilusión, co contento que está. Encima, agora acaba de descubrir que os astronautas si que chegaron á lúa, cando antes dicía que todo iso era unha mentira da NASA: o que pasa, conta el, é que como atoparon unha civilización descoñecida, faise circular información falsa, froito dunha gran conspiración. Eu, ante esas conviccións, quedo sen argumentos. Como cando a miña nena di que non cre nos raposos; non sei nin que contestarlle. Ademais, non quero ter problemas cos marcianos. Non sexa o demo que despois me vaian abducir. Xa sería o que me faltaba.