DENDE ESCANDOI

21 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

TAMÉN ela dorme case sempre na rúa, entre caixas de cartón, desamparo e ratas, coa cabeza apoiada nas bolsas que arrastra consigo dun lado a outro nese camiñar seu sen rumbo fixo co que xa hai tempo que renunciou a chegar a algún lado. Nas peores horas, sen que poida evitalo, a enfermidade que ás veces lle escurece o pensamento fai que se converta en quen non é: nunha muller distinta, que lles berra calquera cousa sen sentido a cantos por alí pasan. Despois chora. E cando se vai tranquilizando, di que como se ve agora pode verse calquera, que á vida nunca lle doeu nada xogar malas pasadas. Conta que ten medo, cada vez máis; un medo que non só padecen -asegura- os que carecen de casa, senón tamén moitas das persoas maiores que viven soas, quizais pegadas a un teléfono case sempre calado; xente que coñece ben, porque aínda que non sempre lle poidan dar unha moeda, nunca deixan de falarlle; almas que xamais lle torcerían a cara. Entra nun bar, paga o café que lle botan nun vaso de plástico, e nin sequera repara neses discursos ocos, tan afastados da realidade, que se repiten na televisión e viran sobre si mesmos, coma un vento tolo, envoltos en elegantes chaquetas, en exclusivas camisas e en falsas promesas que non significan nada. Colle o café, carga de novo coas bolsas rotas e regresa á rúa, para seguir camiñando. Mirando con desconfianza, conforme anoitece, a un e outro lado. Preguntándose, todo o tempo, qué está pasando.