DENDE ESCANDOI
07 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ESE home só, que polas mañás ve pasar, a través da vidreira dun café, amigos que lle morreron hai tempo -ese señor que deixa ir as horas detrás do cristal, sentado a esa mesa de mármore tan gastada polas fichas do dominó-, non é, en contra do que poida parecer, un home triste. Alégrase de ver camiñar os defuntos, de comprobar que moitos deles están incluso máis novos que cando marcharon, de saber que no Alén non lles debe de ir mal, posto que para pasear aínda lles queda algo de alento. E nin se lle pasa pola imaxinación saír fóra para saudalos, para chamalos e falar con eles. Confórmase con saber que están ben e que poden regresar de vez en cando. Ademais, por algunha razón que non daría explicado, teme que desaparezan se intenta preguntarlles, por exemplo, qué ten preparado para nós o destino, o que nos espera. Non, non. Claro que non. Nunca será un home sen esperanza, este que ten aberta, pero sen mirala sequera, unha carta escrita a lapis no que antes chamaban papel de avión : a carta que lle mandou, haberá seis anos ou sete, máis dos que parecen, quen talvez un día, aínda que só sexa por un instante, tamén regrese. Está a gusto cos seus recordos. Coas sombras que pasean, silenciosas, con aire ausente. O tempo ensinoulle a ver o que antes parecía invisible. Agora tamén el di que o mundo é moi fermoso, ademais de grande. E que existir é o mellor regalo; que malia que nunca falte quen pense o contrario, vivir paga a pena. Sempre.