DENDE ESCANDOI
10 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.É ESE paxaro de peito encarnado. O que leva na cabeza un sombreiro escuro, ou que parece levalo. Todas as mañás, cando o sol aínda empeza a asomarse, almorza nunha figueira. E despois, sen faltar ningún día, e ata diría eu que cantando, vaise pousar un pedazo a unha ventá pechada. Á fiestra sen vida á que antes se asomaba un señor que lle botaba pan, e que lle falaba igual que se lle falase a un neno, preguntándolle polos seus irmáns e insistíndolle en que, se chovía, non se mollase. Aquel señor xa non está, hai tempo que marchou tamén el. Foi o último dos da súa casa. Pero o paxariño -coñezo casos parecidos, pero ningún de tanta constancia- segue acudindo sen faltar un día, como se a sombra do seu amigo aínda se reflectise nos cristais rotos; como se a súa voz seguise dalgunha maneira alí, por máis que outros non poidamos escoitala. Era, ese señor, un home de grandes ollos e de corazón aínda máis grande. Mentres tivo forzas, gustáballe saír á soleira e mirar se pasaban peregrinos. Dicíalles adeus coa man, e non había cousa que o fixera máis feliz que falar con eles das estrelas que sinalan o Camiño de Santiago. Pero, así e todo, con quen mellor se entendía era coa xente que pide axuda de porta en porta, para a que sempre gardaba algo. Daba canto tiña. E xamais lle sentín dicir que a pobreza, ese mal terrible que neste século noso segue medrando, se amañase só con palabras. Así que non é raro que onde el estivo, siga habendo sempre un paxariño. Coma nun milagre.