DENDE ESCANDOI

03 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

COMO vostedes sen dúbida xa saberán, os calendarios ocultan a verdade. Non hai máis que ver o que ocorre dun tempo a esta parte: o Nadal comeza agora moito antes. Pero o almanaque non o di. Ou non quere enterarse. Así que iso de que para saber cando chega, o que hai que mirar son os anuncios da televisión, a estas alturas é completamente incuestionable. E como por fin hoxe é domingo -parece que niso si que acerta o almanaque- vou aproveitar para escribirlle a don Papá Noel. Ou, sendo máis precisos, para facerlle de amanuense á miña nena, que ten moitísima présa por mandar a carta, pero que aínda non se sente con forzas para escribila por si mesma, a pesar de que xa sabe poñer o seu nome e bastantes letras. A cambio de apuntar o que me vaia ditando, promete deixarme pedir algo para min. Propón que sexa un parchís, para xogar os dous, pero di que tamén lle parecerá ben se quero unha bicicleta. Igual que se pido ananos de Brancaneves, porque os que temos son moi dados a extraviarse. Non sei, non sei... A ver que fago. Creo que, poña o que poña, o señor dos renos ese acabará traéndome o de sempre. Que tampouco está mal, claro, porque todo se gasta. Hai quen ten bastante menos, por desgraza. ¿E saben, por certo, que se me acorda moito nestas datas, a min que non son un pai precisamente precoz? Acórdaseme o difícil que debe de ser querer entender o mundo, se un non o mira cos ollos dos nenos. Alomenos, de vez en cando.