DENDE ESCANDOI
12 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.SI, AÍ ESTÁ: baixo os soportais. Na rúa, para non molestar, desde a mesma hora na que os netos marcharon ao colexio. Camiñando cara a unha praza sen árbores, como podería andar noutra dirección calquera. Cunha radio coas pilas mortas gardada no peto da chaqueta. Non lle gustan os ascensores. E ás veces parécelle que os coches o queren levar por diante. Mira dúas veces antes de cruzar, non fai falta repetirllo, pero un descoido teno calquera. Cada vez hai máis cousas que lle poñen medo; ese terror seu á indefensión, que xamais confesa. Porque a el, que a pesar dos anos camiña sempre tan dereito, tamén o asustan os males de estraño nome que a veces abaten a traizón na rúa aos homes do seu tempo. Conta que mal, onde agora vive, non o tratan; que dicir o contrario, queixarse do fillo e da nora e deses amigos deles que nunca se dan ido, sería pouco menos que unha blasfemia. Pero contento, o que se di contento, tampouco está. Non lle gusta que lle berren. Sabía que necesitaban os cartos: os poucos que cobra e os que lle pagaron polo lugar onde naceu. Xamais se arrepentiu de térllelo dado todo; ao fin, irá para os netos. Mais bota en falta o lume da cociña de ferro, a besta no prado e os retratos dos pais, que se perderon. E o arrecendo a mazás da muller, en paz estea, da que se namorou, ao vir cumprido de África, naquel inverno. ¡Canto se lle acorda agora! ¡Non se lle vai da cabeza! (Pero hano levar alá un día, para que poida poñer flores no cemiterio.)