Cada volume terá o prezo especial de 2,95 euros máis o cupón do lombo do xornal
11 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.«Non deixes que digan que Galicia é pequena». Así defendían os vellos galeguistas a rica complexidade do país, que podía abranguer un territorio de tan só catro provincias, pero grande en variedade. De feito, tan só hai que contemplar a paisaxe para decatarse: dos cantís da costa de Ortegal aos prados da Terra Chá, dos canóns do Sil e o Miño ás Rías Baixas, dos cascos históricos monumentais aos rueiros do rural, Galicia vibra na súa diversidade. Coñecer este territorio a través das súas comarcas é unha boa achega para comprender mellor como é Galicia na actualidade e cales foron os factores que determinaron estas circunstancias. Esta é a proposta de La Voz, que a partir deste domingo, ofrecerá aos seus lectores a enciclopedia Galicia en comarcas. Serán trinta entregas, ao prezo especial de 2,95 euros cada volume. O primeiro está dedicado á comarca de Santiago e chegará aos quioscos este domingo. Despois, as citas serán os lunes e mércores. Os lectores de fóra de Galicia poden chamar ao número de teléfono 902 154 218 para encargar os seus exemplares. Por outra banda, os subscriptores do xornal poden beneficiarse dunha oferta especial e adquirir a colección completa polo prezo de 59 euros. Cada volume de Galicia en comarcas contén unha exhaustiva información no que están representadas todas as áreas de interese: medio natural, demografía, recursos económicos, cultura e turismo, historia... tampouco faltan datos estatísticos sobre os concellos que conforman cada comarca, polo que se pode dicir que a enciclopedia retrata verdadeiramente Galicia a través desta distribución territorial. Concepción gráfica Ademais, os tomos ofrecen fotografías, táboas, gráficos, mapas de estradas e rueiros, ilustracións e reproducións de documentos antigos, nas súas páxinas a toda cor, de xeito que a información de cada comarca se complementa cunha achega visual e atractiva. Así, os lectores poderán coñecer e comprender mellor a hisoria, a economía e o motivo de que Galicia sexa como é na actualidade. E, deste xeito, Galicia en comarcas tamén pode empregarse como unha obra de consulta, xa que nela se poden atopar datos prácticos sobre todo tipo de materias. Unha publicación para coñecer Galicia mellor.