SENTIU o pinchazo por sorpresa, como a trabada dunha avéspora doente, e instintivamente levouse o dedo á boca. Era un xesto que non facía dende cativo, pero deseguida recoñeceu a suavidade quente do sangue entre a dozura das moras que xa lle tinguiran as xemas da cor do viño. A neta pousou na herba o cesto que recolleran á entrada e intentou examinar a ferida, ao que se negou, co pretexto de que xa lle pasara un cento de veces. Pero tivo que ceder e deixar que lle tapasen o corte cunha tirita do pequeno botiquín que lles entregaran co cesto. Había que recoñecer que naquel negocio estaban ben preparados. Fora unha recomendación da filla, que suxeriu a visita xusto cando lle escoitou o de saír ao campo. Negouse ao principio, pero cando lle fixeron chantaxe emocional coa neta tivo que entregarse. O campo era perigoso, dixénronlle, e non quería ver á nena mancada, ¿verdade? De nada serviu o argumento de que coñecía ben o terreno, que de cativo fora cen e mil veces a apañar nas moras, que cada outubro durante anos chegara con elas a presadas para que a avoa fixese marmelada e licor. A seguridade era o primeiro e non houbo volta. E era certo: as silvas formaban liñas rectas, atrapadas en espalleres, ofrecéndose indefensas ás familias que as recollían e que, ao saír da finca, pagarían por elas despois de que a báscula dixital confirmase o peso. Marcharon con dous quilos envasados ao baleiro. No peto proíalle o dedo. Sabía que doería toda a noite.