Disque para marcar goles hai que querer o balón. Quin reclama xogo para si e para o Bloque nun verán de malos fumes e ouros olímpicos
28 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O verán do voceiro e senador do BNG ten un nome. O de Allariz, centro neurálxico dende onde parten estratéxicas e puntuais visitas antes do curso político que desembocará nunhas autonómicas apaixoantes. Chollo non falta. -¿Viu vostede a regata de ouro de David Cal? -Escoiteina pola radio. E mandeille un telegrama de parabéns. Igual que o outro día lle enviei un de ánimo a Iván Raña. As probas de triatlón comezaron a organizarse precisamente aquí, en Allariz, hai quince anos, cando eu aínda era alcalde, e el gañou dous anos. -¿É que para ir á cabeza de algo aquí hai que dar paladas sen parar e sen mirar cara atrás? -É un bo simil. Teño a sensación de que en Galiza navegan dous países en paralelo. O país real, o da xente que sen apoios, por si soa, é quen de porse á cabeza, na avangarda, mesmo de Europa. E a Galiza oficial, da cutrería e a falta de imaxinación. A primeira ten que palear. Á segunda parece que todo se lle dé feito e «nada na ambulancia», que diría Manquiña. -Tanto se fala de plans ultimamente, que isto semella Alfredo Landa coas suecas en Benidorm. ¿Menos plan e máis traballar? -Trataríase de deixar de crer no Plan Marshall e poñerse a camiñar, un país con recursos e material humano para trazar o seu propio futuro. Mirando a Madrid como esperanza nin valorizamos o noso nin nos facemos respetar alá. -Contan que lle vai a cociña... -É unha das miñas aficións. É un pracer cociñar para os amigos. -¿Góstanlle as vieiras? -Si, e moitos máis produtos do mar se están ben condimentados. -¿E se mudamos o «v» polo «b» e lle quitamos un «i»? -Entón moito mellor. Pero non para comer, senón para disfrutar da súa capacidade intelectual e a súa bonhomía. Beiras é, sobre todo, unha boa persoa. -¿E se lle digo que se chama Francisco e vén de Ferrol? -Penso nun compañeiro entrañable, que ten dado moito ao nacionalismo e ao país. Co que se pode discrepar, pero nunca negarlle unha entrega total ás súas ideas. -Dígame, ¿hai algunha receita que poda ligar con xeito estes dous ingredientes? -A receita é a do BNG, que tivo a virtude de congregar a toda a pluralidade histórica do nacionalismo galego. E agora, o cometido do cociñeiro ao que lle toca lideralo é aproveitar todos eses fabulosos condimentos para cociñar un prato novo e gobernar este país mantendo compromisos e coherencia. -É unha idea estendida. ¿Falta sentido do humor no BNG? -Non só temos sentido do humor, senón que moitas veces é o único refuxio para resistir. Outra cousa é que a actividade pública se teña centrado necesariamente no combate político. -Falando de humor, un ex conselleiro, de Verín, dixo algo así como que o problema dos incendios forestais en Galicia é que hai moitas árbores. ¿Que opina? -Esta é unha aportación da brillantez esperada, superada agora polo actual conselleiro, que foi quen de dicir que o monte arde porque se lle pranta lume. Acabarán por dicirnos que en Galiza chove porque cae auga. -Pepe Blanco dixo que prefería o seu nome ao de Manuel porque é máis celestial. ¿Que lle parece a vostede o nome de José? -Evócame a moitos amigos e, no aspecto político, á posibilidade de traballo conxunto. O que espero é que as vocacións celestiais servan para non esquecer as terrenais. -¿E o de Manuel?-É o meu segundo nome. Tamén identifica a unha persoa digna de respeto como presidente da Xunta, pero que comete un grave erro antepoñendo os seus intereses persoais aos do país.