Pequenas cousas

TUCHO CALVO

SOCIEDAD

QUE A felicidade se agacha detrás das pequenas cousas é algo que logo todos intuímos. Iso, e a súa tremenda fraxilidade. Pero poucas veces deixamos que as minucias nos seduzan, cegados pola esperanza de maiores praceres que sempre están colocados lonxe de nós pola distancia física ou polas limitacións económicas. Procuramos fermosas paisaxes a centos ou miles de quilómetros sen ter disfrutado das rías galegas, do encanto das modestas igrexas románicas, da maxia das cores outonais nos bancais do cañón do Sil ou da fereza do mar a zoupar contra os penedos nos Aguillóns do Ortegal. Facemos investimentos desmesurados en cartos e tempo na procura de calquera «xoguete» que a nós, coma aos nosos fillos, só nos consolará por minutos ou horas limitadas. Fai falla un apagón, un corte de luz, para nos decatar de que estamos pouco afeitos á escuridade, a estar a soas con nós mesmos. No sentido non metafórico, falta a subministración eléctrica e comprobamos que non temos luz nin funciona a calefacción, pero tampouco o teléfono portátil, probablemente non podemos cociñar, quedamos dende logo sen o opio televisivo e o ordenador péchanos a fuxida por Internet. Nestes días tiven ocasión de falar cunha boa amiga que perdeu ao seu marido aínda novo. Un apagón na vida. E non me comentou grandes cousas (tampouco tería sentido que o fixese), senón que me confirmou a importancia do insignificante. Laiábase dos feitos anecdóticos nos que zopeta reiteradamente para percibir que el xa non está. Canto pode doer a ausencia de quen che quentou os pés perante trinta anos. Só iso. Nada menos.