Comunicación sen fronteiras

La Voz LA VOZ | VIGO

SOCIEDAD

M. MORALEJO

Rapaces do sur de Galicia e do norte de Portugal intercambian experiencias a través da radio nunha iniciativa educativa que tamén se extendeu a Sudamérica

28 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O 29 de marzo de 1994, coincidindo coa inauguración da ponte sobre o río Miño que une Monçao e Salvaterra, un grupo de escolas galegas e portuguesas puxeron en marcha unha novedosa ponte de comunicación: unha xornada de radio que unira polas ondas hertzianas as voces dos nenos e nenas das dúas beiras do Miño. Algúns talleres de radio escolar que funcionaban nos centros participantes foron o xérmolo da experiencia na que os alumnos son os protagonistas na producción e elaboración dos programas. Nese ano foron 12 escolas as que construíron unha ponte de comunicación radiofónica, e a experiencia foi tan satisfactoria que decidiuse ampliala a outros centros. Dez anos despois, Ponte nas ondas é unha experiencia consolidada entre os centros educativos do sur de Galicia, de Portugal e tamén de América do Sur, na que teñen colaborado artistas e escritores como Uxía, Joao Afonso, Dulce Pontes, Filipa Pais, Milladoiro, Chico César, Daniela Mercury, Jose Saramago ou Xosé Carlos Caneiro, así como editoriais que donan libros; a compañía Telefónica, que instala liñas gratuitamente, e concellos da zona, caixas de aforro e organismos oficiais que patrocinan a iniciativa. Pouco a pouco foron introducíndose as novas tecnoloxías e Internet é hoxe en día un medio que permite que esta experiencia chegue a lugares que hai uns anos eran impensables. Durante o día de emisión recíbense mensaxes dende os catro continentes de persoas que a seguen a través de Internet. Tamén funciona o correo electrónico, o chat e o foro para deixar mensaxes sobre os programas. Pero, ademais, na pasada edición emitiuse dende sete estudios: seis profesionais (de emisoras municipais) e o escolar establecido na Casa da Cultura en Salvaterra de Miño. E o grande paso do ano pasado foi a incorporación do alumnado da Universidade que fixo posible que a emisión pasase a durar 24 horas. Pechouse así o ciclo educativo de Ponte nas Ondas que xa abarca dende os 3 anos ata a universidade. Temas En cada edición hai un tema xeral arredor do que xiran tódolos programas. Sobre el trabállase nos centros durante todo o curso. Nas dúas últimas, o tema ao que se adicou a xornada foi o Patrimonio Inmaterial Común a Galicia e Portugal: un tema da UNESCO que está a levar este patrimonio aos colexios.