¿Qué culpa ten a Mesa?

TUCHO CALVO

SOCIEDAD

23 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI días escoitei falar dos dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística coma uns intransixentes de moito caravillo que rematarán por botar o noso idioma ao profundo pozo do desprezo dos cidadáns bilingüistas harmónicos. Pensei que aquel señor repetía, sen decatarse da gravidade do que dicía, unha das típicas mentiras dos últimos anos que, difundidas con prepotencia polos poderes públicos, chegan a convencernos do contrario do que vemos. A evidencia é que nunha elevadísima porcentaxe dos centros de ensino non se está a cumprir a lexislación sobre o emprego do galego. O constatable é que a inspección non sabe ou non quere saber -e en todo caso non corrixe- esas actuacións contra a lei que tantos pais e nais coñecemos. O feito é que a Mesa leva moitísimo tempo denunciando esta situación sen que atope amparo institucional e que, ao remate, está lexitimada para levar aos tribunais a denuncia contra uns profesionais que non están a desenvolver con eficacia o seu labor. A cousa é tan clara que, como lembrou o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego, o Consello da Cultura Galega cualificou de «clamoroso» o incumprimento da norma no informe «O proceso de normalización do idioma galego 1980-2000» que editou o Consello da Cultura Galega no 2002. Para este organismo ben pouco sospeitoso, urxía «unha intervención decidida da Administración para poñer remate a unha práctica escolar que, sobre todo en ámbitos urbanos e nos centros privados, funciona dun xeito totalmente alleo á vontade legal da normativa normalizadora».