Naural de Lodoselo, no concello limiao de Sarreaus, anuncia o seu compromiso coas raíces galegas e a intensificación do estudio para chegar abertamente ó home actual
06 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Recoñece dende Asís que suou e tremou de medo ó coñecer que, por unanimidade e nunha primeira volta, o Capítulo da Orde Franciscana o quixo para presidila. José Rodríguez Carballo (Sarreaus, 1953) comeza a facerse á idea do que supón ser sucesor de San Francisco de Asís. -Teño un sentemento de gratitude a Deus porque me chamou á vida franciscana e ós irmáns porque me despositaron a súa confianza. Sinto confusión por como o Señor se fixou en min para suceder a San Francisco. Esto asústame porque é insubstituíble. Pero teño confianza de que non estou so. Sinto moita ilusión para empezar a traballar. -Impresionante a rapidez da elección. -Non o esperaba. Non sei que puideron atopar en min os irmáns, 142 vocais con dereito a votos. -¿Que buliu na súa mente tras escoitar o seu nome? -Asusteime pensando en ser sucesor porque a San Francisco non lle chego ás sandalias. Comecei a suar. -¿Que pasou ó aceptar? -O cardeal legado do Papa invitoume a facer a profesión de fe, xurar os evanxeos e cumprir coas miñas obrigas. Despois pasaron os capitulares e tamén os frades que correron ata a basílica dos Anxos ó coñecer a nova. Antonte habería uns catrocentos a prestar obediencia ó novo ministro. -¿Como vai de felicitacións? -Chegoume moi fondo un fax do pai Manuel Vázquez que vive en Santiago. Tamén recibín cartas do Vaticano, dos bispos galegos, do presidente da Xunta e de máis xente. -E dende Sarreaus, ¿que lle dixo o seu pai? -Foi impresionante. Enterouse cando viña de traballar no campo, chamoume e as bágoas saltáronnos ós dous. Díxome: «Fillo alégrome moito por ti, non entendo qué significa pero estou contento porque os frades confían en ti». -Agora hai alma galega no cumio dos franciscanos. -Non quero perder nunca o que son. Síntome moi galego e tamén universal. Por eso teño algo de morriña. De vez en cando tratarei de matala visitando a miña terra. -Os paisanos celebran a sorte do Pepiño. -Así me chamaba miña nai e me chama a miña familia e os veciños do pobo. Eu son o Pepiño e para min é o título máis grande. -¿Que lle espera agora? -Ademais de gobernar teño que visitar a tódolos irmáns do mundo en 110 países e en seis anos. Temos tempos fortes na Curia de Roma onde damos diretrices de cara ó futuro. -¿Como se atopan de saúde os franciscanos? -Gozan de boa saúde. En Europa temos poucas vocacións. Noutros continentes témolas pero intentaremos poñer remedio onde haxa algún catarro e que a Orde recobre na vella Europa o vigor apostólico. Un fillo de San Francisco ten que ser fiel a Xesús, a Francisco e abrirnos sen medo ó home de hoxe. Imos intensificar o estudio para servir ó home actual, a pesares de que dende fóra poidamos parecer uns ignorantes. -¿Que tal as relacións co Papa? -Moi boas. Vainos recibir nunha audiencia particular a tódolos capitulares o día 16. -¿Seguirán aceptando mitras? -A Orde está aberta ó que a Igrexa lle pida. -¿Cal é a súa mensaxe para os frades galegos? -Que todos son necesarios na Orde. Animaríaos a seguir traballando e que sigan con esperanza e confianza. Esto ten futuro porque está nas mans de Deus. Ánimo, non teñamos medo.