Alegría e sorpresa. Son sentimentos de Víctor Fernández Freixanes cando recibe a noticia de que é o gañador do premio Fernández Latorre. A súa voz grave debuxa a figura de Juan Fernández Latorre «que ten un capítulo fundamental no xornalismo e na edición en Galicia». Fala da longa traxectoria do premio e explica o que agacha o lema Vento nas velas cabeceiro dos seus artigos: «Vento nas velas é que hai que transmitir ilusión, optimismo; o meu discurso invita a unha visión crítica, pero para avanzar». E as palabras de Freixanes navegan como un bergantín cando empeza a falar das cousas que leva na alma: Da súa xeración que, «como dixo Carlos Reigosa unha vez, é unha xeración que temos que intentalo de verdade, desde esa identidade do país, intentar avanzar, dar ánimo frente ó lamento inútil». Fala deste país chamado Galicia «que ten moitas cartas para xogar, para ir adiante, pero hai que xogalas» e empeza a dar nome a empresas, persoas e iniciativas, desde Zara a Milladoiro, pasando polo audiovisual galego, que navegan polo mundo con vento a favor. Pero Freixanes fala sobre todo de libros, daquel de Valle que lle regalou un libreiro de Pontevedra; daquel de Vicente Aleixandre que «xa podía estar valeiro por dentro, porque no título estaba todo para un rapaz de quince anos enamorado dunha rapaza: Espadas como labios » ou do primeiro exemplar que mercou con cartos seus, 25 pesetas pagou por Los pazos de Ulloa .