Televisión de Galicia emite a partir das 22:30 horas o último episodio da ficción de Voz Audiovisual que deu continuidade ao personaxe de «Serramoura»
13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A lei de Santos chega á súa fin e faino cun episodio no que se pechará as tramas que levaron ao personaxe que interpreta Monti Castiñeiras de volta a Vilardesantos, a súa vila natal.
No episodio desta noite, que emite TVG a partir das 22.30 horas, Santos terá que desfacerse dos homes de Antonia se quere saír con vida da vila. E é que despois de roubar a caixa de seguridade do banco e de intentar que Bieito e Duarte cargasen coa culpa, Antonia non está pola labor de permitir que Santos escape. Está disposta a chegar ata onde faga falta para atrapalo e facerlle pagar por todo o que fixo.
Por sorte Santos ten un plan. Atrincheirados na casa familiar, Peixe, Pancho, Santos e Constante, o seu tío, farán todo o posible por manter a raia aos homes de Antonia e saír desta. Ao mesmo tempo, Antonia trata de recuperar o tempo perdido no seu intento por facerse coa cooperativa. Ao deixar fóra de xogo a Bieito pensa que xa o ten todo feito, pero o seu xefe non deixa de presionala. Co obxectivo de gañar tempo intentará contar coa colaboración de Rafael.
Os que tamén teñen que afanarse en resolver a morte de Severino e os dous atracos á oficina bancaria, son os efectivos do cuartel da Garda Civil de Vilardesantos. Ánxela, Uxía e Lourenzo teñen que actuar rápido para evitar un derramamento de sangue entre os dous bandos da vila. A dúbida é se estarán capacitados para facelo.
Os plans do chatarreiro nunca acaban ben, pero semella que se decatou demasiado tarde. Ou será esta a excepción e lograrán saírse coa súa?