Roberto Baleato: «Quedoume cravada a espiña do ascenso na anterior etapa»

VAL DO DUBRA

ANA GARCÍA

O futbolista de Val do Dubra regresou este verán ás Eiroas tras pasar unha exitosa experiencia no fútbol italiano

19 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No verán no que lamentablemente o Bergan volveu á Terceira Federación, houbo tamén espazo para retornos máis agradables. Jorge Cano, Hugo Baldomar, Iago López, Dani García ou Cote vestirán outra vez o rojillo que xa utilizaran anos atrás. O mesmo lle sucederá a Roberto Baleato (Val do Dubra, 1990), que xogou nas Eiroas entre 2017 e 2019. Anos fermosos, aínda que de mal recordo final polas dúas promocións perdidas de forma cruel con Miguel Filgueira aos mandos do conxunto carballés. Roberto marchou logo para o Compostela e, o ano pasado, decidiu probar sorte en Italia, onde tivo éxito. Agora, chega ao vestiario do campo de Bértoa convertido no veterano do equipo.

—Como se coceu este regreso a Carballo?

—Pois eu estaba fora, en Italia, pero Darío Cotelo, que ao final foi un pouco o encargado de confeccionar o equipo, púxose en contacto comigo. Eu díxenlle que se existía unha boa posibilidade ía valoralo, porque tamén tiña a opción de quedarme. Seguimos falando e achegando posturas porque a min a do Bergantiños si que me apetecía. Ao final quédame preto da casa e todo encaixou.

—A aventura en Italia estivo chea de éxito.

—A verdade é que si, porque fomos capaces de gañar a nosa liga e ascendemos directos á Serie D —cuarta división do Calcio—.

—Gozou máis alá do deportivo?

—Este tipo de ofertas ao final para nós son un privilexio. E tamén un reto, sobre todo a nivel persoal, porque saes da túa zona de confort. Eu levaba toda a vida en Galicia, onde xa nos coñecemos todos, e chegar alí e estar un pouco a expensas do que ía suceder, a verdade é que foi ben bonito. Unha oportunidade que, quizáis, chegoume un pouco maior pero na que gocei moito e estou moi contento de ter aceptado.

—É moi diferente a quinta categoría italiana da quinta española?

—Era máis físico e duro si. Os campos non estaban moi ben e custaba máis xogar, polo que había bastante fútbol direto. Eu non é que me atope incómodo nesas circunstancias, pero é necesario adaptarse.

—Como van agora estas primeiras semanas de adestramentos?

—Bastante ben. Temos grandes sensacións, facendo un pouquiño máis cada semana. O traballo que nos está preparando o corpo técnico está sendo bastante doado de levar, incluso as dobres sesións como a de hoxe —por onte— con adestramento pola mañá e partido á tarde.

— Neste retorno a Carballo hai unha parte de revancha polo ascenso que tan preto estivo e non conseguiu na anterior etapa?

—Si, mentiría se non dixese que é unha espiña que quedou cravada. Fixemos dúas grandes tempadas e non puidemos culminar o bo papel quedando campións. Tiñamos un equipo ben forte para ascender, pero non se deu co antigo sistema de ascenso, con aqueles play-off.

—Que sentiu cando o equipo conseguiu subir no 2021?

—Alegreime moito, porque é o xente que o merece, que levaba moito tempo pelexando por iso. Ao final estas cousas sempre son grazas ao traballo de moitos anos e, aínda que non fora persoalmente eu nin os meus compañeiros, é unha gran satisfacción. Agora, tras un mal ano, toca volver a intentalo e aquí estamos para iso.

—Unicamente coincidiu aquí con Iago López.

—Si. Houbo outros compañeiros cos que coincidín noutros clubs, pero aquí só con Iago.

—E agora chega xa co cargo de veterano no vestiario.

—Pois si. Nunca me pasara, pero poste a mirar e son o máis maior, porque eu e Cano somos da mesma idade, pero lévolle uns meses. E, ben, tócame aceptar ese rol. Veño con moitas ganas para aportar e sumar no que sexa, se é pola experiencia e é bo para o equipo, pois mellor.

—Están en plena formación da piña no vestiario. Como é ese proceso con tanta xente nova debido ao cambio de proxecto?.

—Ten moi boa pinta. Parece que vai ser un grupo moi bo. Evidentemente aínda estamos coñecéndonos pero todo o que vin é que hai bos rapaces, que iso é o máis importante. A xente máis nova, ademais, aporta moita frescura e iso é moi necesario. Se logramos dirixir ben esa enerxía vai ser un grupo moi san. Ademais, pese a diferenza de idades ves que hai moitas cousas en común. É certo que os máis mozos teñen máis conexións, pero non hai grandes diferenzas cos veteranos, nin de intereses nin de forma de ver o fútbol.

—Sei que adoitan a dicir que xogarán en onde o adestrador mande. Pero é onde está máis cómodo? Como central ou de mediocentro?

—A realidade é que non me atopo máis cómodo nun lado ou noutro. Si que son moi diferentes, pero adáptome a calquera. Aquí, polo que falei con Darío xa cando fichei, e con Secho, contan máis comigo como central, e asumireino sen problema. Pero que se nalgún momento hai que axudar noutro lugar, aí estarei.