RADIOGRAFÍAS | O |
03 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.QUE A sanidade é unha prioridade social é indiscutible. A saúde é iso que nunca lle acorda a ninguén ata que falta. Unha das expresións máis empregadas polos galegos é a frase de: «O caso é ter saúde». Esto é frecuente oílo cando non toca a lotaría, cando a un lle van mal as cousas ou simplemente para sustentar o prescindíbel que é todo menos a saúde. Por iso non é de estrañar que sexa un capítulo fundamental nos programas políticos. A universalización da asistencia médica foi un dos maiores logros das últimas décadas. A sociedade ten a obriga de oferecer un bo servizo público sanitario para todas as persoas, con independencia do seu nivel económico. Isto xunto coa igualdade de oportunidades e unha educación de calidade, son o mínimo que hai que reclamar. Hoxe, un dos principais problemas do sistema sanitario son as listas de espera. Por iso recordo a célebre contestación dun velliño de Tordoia ao que lle puxeron cita para dentro de dez meses. Con moita parsimonia e unha retranca chea de intelixencia díxolle moi educado á funcionaria: «Mire, señorita, se nun caso eu para daquela morrín, é un supoñer, pode vir alghén da casa no meu sitio». Sublime.