Prestoume ben achegarme hai uns días á Casa do Concello de Teo, convidado para o acto de entrega dos premios Modesto Rodríguez Figueiredo (XLI Certame nacional galego de narracións breves). É unha convocatoria anual da Fundación Pedrón de Ouro, viva dende 1975, que o converte no decano dos existentes nesta modalidade en Galicia. Literatura fresca e polícroma, lene e fonda.
Alí falaron con gratitude e emoción os tres gañadores: Adolfo Caamaño (primeiro premio, coa creación Pin Ball do Pombal) -quen xa levara amais de Teo outro galardón poético, da asociación Teenses pola igualdade-, Diego Giráldez e Lionel Rexes (accésits). Lembrei a ledicia que eu sentira en ocasións semellantes, cos ditames das edicións de Boiro (1984) e Rianxo (2011).
Partillamos e aplaudimos máis verbas, do mantedor, do secretario do xurado, das autoridades locais. Unha festa da palabra, adobiada con pezas musicais traídas de Luou. Volvín escoitar a prosa baril do presidente do Pedrón, Xosé Ramón Fandiño. Todos gabaron os méritos desta iniciativa. Tamén serviu o evento para o reencontro cunha chea de amizades, xunguidas pola defensa e o amor ó cultivo das nosas letras.
Outro concello galego ha apadriñar e acoller este certame senlleiro no ano que andamos. Coma sempre, dende o auroral acto vigués, naquel 1975. Moitos nomes da escrita literaria do país probamos sorte neste concurso. Mesmo se chega a falar do ser dunha xeración de narradores coa estética miscelánea e co selo vangardista do premio Modesto R. Figueiredo.