O FIADEIRO | O |
08 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.JUAN LÓPEZ Bedoya, Manuel Anxo Freire Boado e María López Bedoya foron os encargados de realizar unha xeitosa guía chamada Terras de Compostela (Ames-Brión-Santiago-Teo) , rematada de imprentar nos primeiros meses deste ano 2005. Da súa dirección ocupouse Augusto Pérez Alberti. Asesorou os contidos Miguel Anxo Seixas Seoane. Leva fotografías de Manuel G. Vicente, cartografía de Marcos Costoya, maquetación de Alberto Reino e deseño gráfico de Fausto Isorna. Coa produción de Galaxia, Terras de Compostela foi editada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Sar-Ulla, que implica ós catro concellos amentados. E para as achegas do diñeiro preciso figuran na súa contraportada os logotipos de ¡cinco! organismos, que van dende a Administración europea, incluíndo tamén a española, galega, Agader e Sar-Ulla. Os autores estruturaron as 216 páxinas desta guía en cinco rutas (da historia, do agrarismo, do Tambre, dos camiños orientais de Santiago, das vistas panorámicas) e dous anexos con datos da hostalería e índice toponímico. Nótase o traballo colectivo na redacción desta obra. Sentímonos guiados por moitas informacións pertinentes, nun libro con boa presenza, útil, de lectura e imaxes amenas. Os catro alcaldes asinan un texto que se insire nun marca páxinas que acompaña o libro: «A presente guía contribúe a espallar ese mellor coñecemento das Terras de Compostela, permítenos dar aprecio ao hábitat no que sustentamos a nosa vida, entender a nosa historia común, analizar con criterio o presente e abrir portas para soñar o futuro». No limiar, Xosé Luís García, presidente da Asociación e alcalde de Brión dinos que «Sar-Ulla promove a publicación desta guía (...) co obxectivo de divulgar (...) a riqueza natural e cultural do noso territorio, o mellor coñecemento da súa historia e o fomento da actividade turística».