Todos os días do ano

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

SANTIAGO CIUDAD

21 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cancro. Unha palabra que, durante moito tempo, foi tabú ao igual que tantas enfermidades mentais como a esquizofrenia ou a depresión. En concreto, o cancro de mamá, a pesares de ter unha taxa de supervivencia moi alta, é quizais un dos que máis apoio psicolóxico conleva, polas secuelas físicas derivadas,por exemplo, de procesos como as mastectomías. Os símbolos rosas destes días son meros xestos de empatía e solidaridade entre avoas, nais e fillas que sofren directa ou indirectamente a enfermidade. Cómpre non esquecer aos homes, que tamén son un grupo vulnerable desta enfermidade, aínda que con menos frecuencia. Por iso, ás veces as marcas comerciais deberían tamén proxectalos nas súas campañas publicitarias e de sensibilización.

Por todo isto é máis, deberíamos coidar con mimo a todos aqueles científicos, químicos e xenetistas que loitan cada día para avanzar na erradicación do cancro de mama, ás veces con pouca financiación e condicións de traballo precarias. O futuro da curación son eles, namentres outros nada máis que buscan vender fume a través de pseudoterapias. Que vaia tamén a miña loanza para todos aqueles facultativos que acompañan a familiares e pacientes nas fases finais, en coidados paliativos. O seu é un traballo vocacional, afectivo e de coraxe.

Hai anos, a xente que padecía cancro morría encamada no seu leito, sen saber sequera o que lle ocorría. Todo se reducía ás embolias e aos mal chamados aires.Os médicos de familia eran escasos e as máquinas só estaban na cidade de Santiago de Compostela. Imaxinen vostedes o que podemos avanzar nun futuro próximo se evolucionamos tanto en tan poucos lustros.