Os versos galegos de Lorca regresan á rúa do Vilar oitenta anos despois

SANTIAGO CIUDAD

Representantes de colectivos e Narf puxéronlle voz e música aos textos do poeta e dramaturgo granadino

28 dic 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

O 27 de decembro de 1935, da empresa gráfica Nós, de Ánxel Casal, saía a edición príncipe de Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Oitenta anos despois,

os únicos textos noutra lingua do escritor granadino volveron con voz e música a ese mesmo escenario da compostelá rúa do Vilar.

Os 138 versos de Federico García Lorca en galego resoaron ante un cento de persoas que se achegaron ao mediodía ata o lugar que ocupou a antiga imprenta Nós. Os encargados de pór voz aos poemas foron representantes de diferentes colectivos culturais: María Antonia Pérez (O Galo), Mauro Senín (aCentral Folque), Iria Sobrado (San Martiño Pinario) e Chema Díaz (Cidade Vella), que estiveron acompañados en todo momento polos sons da guitarra de Fran Pérez, Narf. O artista tamén musicou dous dos poemas do autor granadino para así achegar os seis ao público asistente a este acto literario incluído na programación de Nadal do Concello compostelán e que contou coa presenza do alcalde, Martiño Noriega, e doutros membros da corporación.

Madrigal á cibdá de Santiago, Romaxe de nosa señora da Barca, Cantiga do neno da tenda, Noiturnio do adoescente morto, Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta e Danza da lúa en Santiago, que conforman Seis poemas galegos, son «o produto literario galego de maior éxito do século XX», segundo destacou o investigador e xornalista Joel Gómez, encargado de presentar o acto. No ano 80 xa eran máis dun cento de edicións, reedicións e traducións destes poemas, tal e como recollía entón o profesor Xesús Alonso Montero. Segundo o investigador, a este éxito contribuíu o impacto e o atractivo de ser a única obra de Lorca nun idioma diferente do español e, ademais, o seu tamaño. Os 138 versos facilitan facer traducións.

Nestes Seis poemas galegos de Lorca, ademais do propio autor, hai outras tres persoas decisivas, lembrou Joel Gómez. Un dos destacados é o ferrolá Ernesto Guerra da Cal, amigo do poeta. Foi o que lle propuxo que utilizase o galego e, ademais, quen traduciu os versos que dicía o escritor granadino propóndolle diferentes palabras. Tamén tivo un papel importante Eduardo Blanco Amor, artífice de conseguir que García Lorca autorizase a publicación dos seis poemas. E, por último, Ánxel Casal, que rexentaba a imprenta na que se editou aquel primeiro volume con textos do poeta e dramaturgo e o prólogo de Blanco Amor.

Pero a conexión de Santiago con este poemario galego de Lorca vai más aló de ser o lugar no que se editaron. Tamén son múltiples as referencias á cidade neses versos. Precisamente, a interpretación de Madrigal á cidade de Santiago, dedicada a Compostela, serviu de peche ao acto. Narf fixo para este aniversario unha nova versión dun poema musicado en múltiples ocasións por compositores galegos e doutros países.

en directo Aniversario da edición de «seis poemas galegos»