Os feitos son os que valen. Deixémonos de tantas especulacións, suposicións, dialéctica, leas políticas e vaiamos a eles, para que todos poidamos opinar a partir de datos obxectivos. E o que traemos aquí hoxe é o seguinte: o Goberno négalle a bolsa a unha investigadora por pedila en galego. Xa está. Un feito, coma tantos outros. Así xa podemos deixar de buscar argumentos para defender calquera das posicións con respecto á lingua, porque a obxectividade manda, e o resumo é que, ou utilizas o castelán, ou quedas excluído de moitas cousas. Ben, iso non é certo de todo, pois aínda que o inglés non é unha lingua oficial do Estado, de ter feito a petición nela, a persoa obtería a axuda. Así como llo conto. O caso é que unha investigadora da USC solicitou unha bolsa de predoutoramento para preparar a tese, pero a Subdirección Xeral de Recursos Humanos para a Investigación denegouna porque na petición había un defecto, e era que estaba escrita en galego. Chamoulle defecto. Iso si, déronlle dez días para subsanar a solicitude, tempo no que a investigadora interpuxo un recurso lembrando a oficialidade do galego? pero tal recurso, e investigadora, foron rexeitados do proceso selectivo. Non vou ofrecer ningunha conclusión, porque esa xa a van sacar vostedes de maneira obxectiva. Os feitos son os que son. Xa nos poden contar o que queiran. Aquí a realidade.