Que faría se fose alcaldesa | Isabel Blanco, actriz: «Faría o museo da emigración en Santa Comba»

J. B. REDACCIÓN / LA VOZ

SANTA COMBA

ANA GARCIA

«Eu crearía unha gran granxa escola nunha gran extensión de terra, coa filosofía das escolas unitarias de outrora en Galicia», sinala

24 may 2023 . Actualizado a las 13:54 h.

Di Isabel Blanco que é unha persoa cos pés na terra, «pero a cabeza necesariamente nas nubes, porque o que me trouxo ata aquí foi precisamente a capacidade para soñar». Por iso cando se lle interpela como hipotética alcaldesa de Santa Comba, o municipio no que está felizmente empadroada —«é un luxo poder ser atendida sempre por persoas»—, mira moi alto: «Un alcalde ou alcaldesa poderá considerar que as miñas ideas non son abordables, pero por iso eu non son alcaldesa, e eles si».

Primeira proposta: «Eu crearía unha gran granxa escola nunha gran extensión de terra, coa filosofía das escolas unitarias de outrora en Galicia». Propón que iso obedeza ao modelo Waldorf «no que eu fun educada» e que haxa «casas auténticas medicalizadas para que poidan vivir os anciáns, non centros fríos». Outra idea importante: «Faría o museo da emigración». É algo que entende que falta en Galicia e que pensa en Santa Comba como o lugar perfecto. «Os museos son atractivos se están ben traballados e atraen turistas e visitantes... E poderíase facer un enorme sobre a minería, que foi tan importante para Santa Comba».

A actriz potenciaría os intercambios con nenos de todo o mundo, «porque aos lugares nos que fuches feliz na infancia, sempre volves». Tamén impulsaría unha fábrica de produtos de marca xalleira: «Este é un lugar que ten moi boa carne e produtos de altísima calidade procedentes desta terra tan fértil. Trataría de vender sen intermediarios, directamente a clientes que viñesen facer as recollidas eles, e venda online». Por último, «daría formación polas 17 parroquias de como mellorar a calidade de vida, en canto a ensinar hábitos saudables, afondando na alimentación e na actividade física con audiovisuales e persoal incentivador.

En definitiva: «Tender pontes entre os contidos pertinentes e o cidadán de a pé, para ter unha sociedade máis sáa e máis documentada. Algo que aínda non se está comseguindo».