O veciño de Rois Lois Gil promove unha mostra itinerante coas máis de 1.000 postais que recibiu de 24 países distintos
23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Incendios/Contralumes é o título da exposición itinerante aberta ata o 31 deste mes no edificio multiusos de Rois e que despois irá a Dodro, Pontecesures e Padrón. Está impulsada polo veciño de Rois Lois Gil, a través da Corporación Semiótica Galega e coa colaboración dos catro Concellos. Profesor xubilado de Filosofía, sempre lle gustou a arte e, dende moitos hai anos, sumouse ao xénero denominado mailart (correoarte). Baixo as premisas de «non comercio, non selección e non xurado» e baixo un tema con compromiso social, a prevención dos incendios forestais, Lois Gil lanzou en agosto pasado a convocatoria desta iniciativa e decantouse polo formato postal, en concreto, polas tarxetas. A resposta deixouno «gratamente sorprendido», pero tamén «abrumado pola tarefa e a responsabilidade» de dar resposta a todos cantos participaron na convocatoria, sinala.
Así, recibiu por correo máis dun milleiro de postais, procedentes de 24 países distintos. Entre elas, hai unha parte dedicada a artistas ou creadores máis profesionais e outra a centros educativos, coa participación de colexios da comarca e de fóra, pero tamén de usuarios de centros de día e de Amipa, coa idea de facer unha exposición «global», afirma o seu promotor.
A mostra estará aberta 15 días en cada un dos catro concellos, con visitas organizadas para escolares e mesmo para comuneiros de monte, neste caso coa colaboración tamén do correspondente distrito forestal. Debuxos, collage, traballos dixitais, punto de cruz e outros recursos artísticos, combinados con todo tipo de técnicas e estilos, procedentes de países diferentes, dende Estados Unidos a Xapón ou Italia e, por suposto, de España e Galicia conforman a exposición, na que destaca o traballo dos centros educativos. «O lume é para a lareira», é a mensaxe dun dos traballos escolares. «Tódalas postais están moi ben», asegura Lois Gil, quen, sen pretender desmerecer a ninguén, amosa a súa predilección polos traballos realizados polos estudantes, quizais porque, coa súa arte, revelan que saben moi ben o dano que causan os incendios forestais.
Aínda así, o veciño de Rois recoñece que, como guía da exposición, agora ten por diante «o reto» de explicar a súa mensaxe aos escolares máis pequenos, para o que tamén se axudará de material sonoro relativo á natureza. O obxectivo é, segundo recorda Lois Gil, que os incendios deixen de ser noticia cada verán e tamén para que «se apaguen no inverno», en alusión á concienciación e á prevención. Unha vez rematado o periplo de exposición, a idea do promotor é facer un libro con tódalas postais recibidas.