Gerardo Lago: «Eu aínda hoxe son carpinteiro»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Aos 89 anos, este veciño de Rois mantén vivo o seu oficio de toda a vida

08 nov 2021 . Actualizado a las 20:56 h.

Aos seus 89 anos, o veciño de Leroño, no concello de Rois, Gerardo Lago Piñeiro mantén vivo o seu oficio de toda a vida: a carpintería tradicional. A este traballo se dedicou «dende que saín da escola con 14 anos e ata que me xubilei», di e mesmo hoxe en día o ten moi presente, de modo que o que foi o seu medio de vida é agora o seu gran pasatempo.

Aí están para ver as numerosas pezas pequenas feitas a man por el, moitas das que representan elementos da arquitectura popular da Galicia rural moi presentes na súa vida e na de moitos galegos: apeiros de labranza como o carro, o xugo, o arado ou a grade; muíño, forno, pozo, hórreo, artesa, sartaña, cestos e moitas outras tallas. «Todas as pezas están feitas a man, con serrón, machada, martelo e pouco máis», conta o autor das mesmas, que engade que eu «coñecín e traballei con moitas delas».

Haberá uns dez anos que Gerardo Lago decidiu dedicar boa parte do seu tempo a facer as pequenas pezas a man, con madeira que tiña gardada, sobre todo de castaño e piñeiro. Agora ten unha rechamante colección, que lle serve para pasar o tempo entretido. «Aquí paso días e días; sempre fun activo, sígoo sendo e seguirei mentres me atope ben», di.

Do seu bo traballo profesional fala, por exemplo, a restauración dos hórreos da Casa do Porto ou dos muíños de Seira. «Nunca me faltou o traballo e aínda agora me viñeron buscar para reparar un muíño, pero eu aporto a idea porque non estou para mover pezas», explica con honestidade. O veciño de Leroño asegura con orgullo que «aínda hoxe son carpinteiro» e lamenta que xa non haxa dos que practican o oficio de forma tradicional. «Non queda ningún e non hai quen queira aprender. É un oficio moi bonito. Se a min me levan a un taller de carpintería seguramente non saiba acender a máquina, pero tamén se eu traio aquí aos do taller tampouco saiban facer as pezas a man», conta. El traballa na antiga casa familiar de Leroño, a onde mesmo lle van mirar os seus traballos os rapaces da aldea e os familiares dos veciños, que xa lle teñen comprado algunha peza. «As lámpadas gustan moito e as caixiñas tamén», sinala Gerardo Lago. Xa ten unha boa colección, pero di que continuará facendo pezas «mentres o corpo responda e a vista non me falle. Segundo me veñen as ideas, vou facendo. Dá o seu traballo e ás veces tamén me enfado eu mesmo porque non me gusta o que fago. Daquela fendo o pau coa machada e volvo a empezar», relata o carpinteiro xubilado que non perdeu o seu bo facer, recoñecido por moitos, pero tampouco a paixón polo oficio.

Estar traballando a madeira tamén o fai pensar na súa vida e asegura que «fun moi escravo. Se penso como pasei a miña vida, non o creo». Así, lembra especialmente que estaba desexando acabar a escola para poñerse a traballar como carpinteiro, debido ás penurias daquel tempo, aínda que o primeiro ano fíxoo de balde. «Eu era moi guiado e humilde», polo que di que logo aprendeu o suficiente como para gañar o seu primeiro soldo: 15 pesetas. «Non saquei a man do peto dende que mas deron e ata que cheguei a casa e llas dei a miña nai», conta o veciño de Rois.

Así, mentres o rapaz de Vilar, que é de onde natural Gerardo Lago, e é como lle chamaban, cobraba unha peseta por día, outros do seu tempo tiñan que pagar polo desgaste de ferramenta e para que os ensinaran. Co tempo, foi el quen ensinou a outros.