«Coas comodidades que hai hoxe, esta aldea non se deixaría morrer»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Os descendentes queren volver ao núcleo de Rois abandonado polas súas familias hai más de 40 anos e rehabilitan casas e alpendres

03 feb 2019 . Actualizado a las 11:57 h.

A terra tira e moito. Exemplo diso é unha aldea do municipio de Rois, de fermoso nome, Abelendo, na parroquia de Urdilde, dada de baixa no Concello despois de que quedase sen habitantes hai uns 44 anos, pero a que queren volver os fillos das dúas únicas familias que residiron nela sempre. José Antonio Rodríguez Arufe, de 48 anos, e Diego Fabeiro Rey, de 44 anos, comezaron a restaurar vivendas e alpendres que pertencían as súas familias coa idea de que o Concello volva a dar de alta a aldea e residir nela no futuro.

As dúas familias que vivían en Abelendo decidiron no seu día abandonar o lugar, unha tras outra, para asentarse no núcleo máis próximo a estrada principal de Urdilde, o de Macedos, co que xa compartía tarefas. Alí reside José Antonio Rodríguez, que naceu en Abelendo, e alí viven tamén seus pais e os de Diego Fabeiro. Este último tamén é natural de Macedos pero, cando casou, foise a vivir a Negreira.

Os dous teñen claro que a aldea de Abelendo non quedaría abandonada se hai máis de corenta anos houbese «os servizos e as comodidades que hai hoxe», din. «Se houbese unha boa estrada, os nosos pais non marchaban de aquí», afirman. «Hoxe, cos coches, non hai distancias», remarca José Antonio Rodríguez, que engade que «se fose hoxe non se deixaba morrer a aldea».

Hai uns catro anos, el foi o primeiro en decidirse a restaurar unha antiga corte de animais, que xa usa como casa de fin de semana. Agora gustaríalle rehabilitar a súa casa natal que, por unha cuestión de herdanza, lle quedou a unha prima.

Pola súa banda, Diego Fabeiro sempre tivo a idea de restaurar a casa dos seus pais e, ao ver que se animaba o seu veciño, el foi detrás. Na actualidade ten practicamente restaurada unha vivenda e quere facer o mesmo coa casa na que viviron seus pais. «Aquí hai moito traballo feito e se hai que pagar por todo, sería imposible», di o veciño de Negreira en alusión a que a maior parte do traballo o fai el coa súas propias mans e coa axuda dalgún familiar. «A min gústame isto, non o piso e, se chegamos a xubilación, que mellor sitio para estar», afirma. «Para non nacer aquí, ten mérito que lle tire tanto isto», recalca o que no futuro será o seu veciño, José Antonio Rodríguez.

Tanto un coma o outro xa se quixeron empadroar na aldea de Abelendo, pero un erro no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Rois está retrasando ese paso e, con elo, que o Concello poida dar de alta o núcleo. Por iso, piden que se acelere ese trámite para poder empadroarse e para volver a dotar o núcleo de servizos como un acceso asfaltado ou alumeado público.

José Antonio Rodríguez explica que sempre lle tirou a idea de restaurar as propiedades que os seus antepasados deixaron na aldea, sobre todo polo seu avó que, segundo conta, debeu pasar moitos traballos para recuperar parte dos bens que o bisavó perdeu.

Os dous contan que seus pais lles dicían, ao principio, que «estabamos tolos por gastar os cartos nestas casas», que estaban practicamente caídas nalgún caso. Hoxe, eses mesmos pais están contentos de que o fagan, segundo recoñecen os dous descendentes. Así, traballan por recuperar unha aldea que, segundo coinciden en opinar, é «moi tranquila, abrigada, non bate o vento como moitos pensan, ten cobertura de teléfono e nela danse moi ben as árbores de froitos». Ademais, José Antonio Rodríguez ten claro que a rehabilitación das casas é unha «inversión» porque, segundo afirma, xa hai persoas interesadas en mercalas.

«Os da aldea queren marchar para o pobo e os do pobo queren vir para aldea e sobra quen compre isto», di. Pero nin un nin outro queren falar de vender nada porque, para eles, é un tema sentimental, de conservar o que os seus antepasados construíron e de revivir unha aldea que está nas súas raíces e nos seus recordos.

A decisión destes dous homes ten máis mérito aínda se se ten en conta que as dúas únicas familias que residiron sempre en Abelendo non foron moi ben avenidas, tal e como recoñecen os seus propios descendentes, que tamén aclaran que iso é agora «cousa dos vellos». Por iso, eles volverán algún día a aldea cunha relación de veciños, dándolle así unha segunda vida a Abelendo e rachando a triste tendencia de abandono do rural galego.